Castro de Mosteiro de Lobás

O Carballiño - Ourense

Da constelación de castros que temos na comarca do Carballiño, o castro de Mosteiro de Lobás é un dos máis importantes e, tamén, un dos máis fáciles de musealizar e dar a coñecer, a carón dun mosteiro e dunha vella e suxerente igrexa, pero permanece no total abandono.

Ningún castro era independente. Os modos de vida daquelas xentes, anteriores á invasión romana, pero tamén posteriores, dependeron de intercambios de ideas e produtos. A cercanía dos xacementos, con comunicación visual directa entre case todos eles, podería darnos a entender que as relacións entre os poboados deron lugar a eses intercambios, o que daría lugar a relacións económicas e a evolucións sociais. 

Todos os castros deben ser conservados e todos deben servir para aprender máis sobre o noso pasado, tendo en conta que non poderán ser ben entendidos se non se coñece o territorio que os arrodea, os poboados cos que se relacionaban ou os recursos naturais que aproveitaban.
Vai sendo hora de que administracións e propietarios tomen conciencia e se responsabilicen dun patrimonio que pertence a todos.


O castro do Coto do Mosteiro ocupa a cima dun pequeno outeiro de 525 metros de altitude, ubicado na parroquia de Santa Uxía de Lobás, no concello do Carballiño (Ourense).

A repoboación forestal encheu o monte de piñeiros (pinus pinaster) que estragaron, co seu crecemento rápido, moitos treitos de muralla e que dificultan a adecuada percepción do castro por parte dos visitantes que alí se achegan. As cortas posteriores, aínda agrediron máis os restos arqueolóxicos, achegando maquinaria pesada pra retirar os piñeiros.

ORERO GRANDAL considera que o Coto do Mosteiro sería "un gran centro cunha gran actividade metalúrxica artesanal" adquirindo os minerais para os seus traballos polos montes da Madanela e polo concello do Irixo.

A súa ubicación nunha relativamente baixa con respecto á serra da Madanela (que chega aos 875 metros de altitude no Coto da Peniza) pode explicarse pola facilidade de acceso a zonas húmidas e máis chairas onde habería pastos pra o gando e boas terras para a agricultura. 

Dos achados que se fixeron na campaña de 1984, publicados por ORERO GRANDAL, podemos destacar os seguintes:

1. Un puñal de ferro, posiblemente de antenas, aínda que estas últimas faltan.

2. Un gancho de madeira carbonizada, "gancho da herba", útil para atar monllos ou feixes de herba ou de outros vexetais.

3. Diversas fíbulas de bronce anulares en forma de omega. Tamén hai fragmentos de fíbula das denominadas de tipo Golfo de Leâo.

4. Unha curiosa estrela de bronce de oito brazos, con orificio central circular.

5. Restos de agullas de bronce.

6. Algunha conta circular de bronce, con orificio central.

7. Pedra con motivos insculpidos de círculos concéntricos, pero todos diferentes en cada unha das caras da peza. Considerouse como base para facer repuxados en láminas de metais.

8. Fragmento de molde de pedra.

9. Máis de 400 moldes de arxila, para ser utilizados con metais líquidos (moldes de fundición).

10. Fusaiolas e discos cerámicos.

11. Restos diversos de cerámica con decoración, destacando un pe dun prato de Terra Sigillata Sudgálica.

12. Moitas decoracións son similares ás aparecidas noutros castros do Noroeste, particularmente nos de Cameixa e San Cibrao das Las, o que pode suxerir intercambios entre eles.

14. Gran cantidade de muíños planos ou naviformes e de muíños circulares.

15. Fichas de pasta vítrea.

16. Tamén apareceron fragmentos de tégula e un sextercio, posiblemente pola ocupación do castro durante a romanización.

ORERO GRANDAL suxire, como época final na ocupación do castro, da segunda metade do século I d. C. baseándose no fragmento de Terra Sigillata Sudgálica "do tipo 15/17", que se datan nesta época. 

Os inicios da ocupación situaríanse dende o século IV antes de Cristo, aínda que os establecementos humanos nestas terras son anteriores. De feito, o propio ORERO GRANDAL fala da aparición nas escavacións dunha machada "de combate" característica da Idade do Bronce, con perforación circular de sección bicónica no seu centro.

A escasos catro ou cinco quilómetros de Mosteiro están os castros do concello do Irixo e os restos de explotación mineira na parroquia de Loureiro, neste mesmo concello, na ladeira noroeste dos montes da Madanela. 

MADOZ viu en Larouce, a 3 quilómetros de Mosteiro, "grandes escavacións, que se coñece que foron practicadas para extraer algún mineral, e que están en comunicación con outras que hai moito maiores no Monte das Grobas, feligresía de Loureiro (...)" e RODRÍGUEZ COLMENERO opina que debeu de tratarse de explotacións auríferas, como as do Lago. 

No Lago, parroquia situada a medio camiño entre Mosteiro e Lámbrica, tamén existiu unha importante explotación mineira de ouro, onde tamén, cara o norte, existe un lugar denominado "As Grovas", segundo RODRÍGUEZ COLMENERO. Os minerais que aparecen nestas explotacións son o estaño e o ouro. 

Nestas terras tamén temos manifestacións do desenvolvemento dunha ourivería especializada, pois non hai máis que recordar a arracada ou pendente de ouro do Irixo, conservada no Museo de Pontevedra. Atopada en 1905 nunha aldea do Irixo, está fabricada en ouro de 18 quilates. HERVELLA VÁZQUEZ di que este pendente debeu chegar a este concello "procedente dun lugar indeterminado e por unha vía-calzada romana que atravesaba o territorio". 

Non podería ser fabricada nun obradoiro coma os que había no Mosteiro?

Parece claro que houbo, entre mediados e finais do I milenio a. de Cristo, unha intensa explotación dos minerais nas nosas terras que aumentará coa chegada dos romanos. Tamén parece claro que, cos datos que nos ofrece ORERO GRANDAL, no Mosteiro houbo algún tipo de obradoiro que transformaba os minerais atopados nas serras. Faltanos saber onde ían a parar as extraccións e as producións locais. 

É fácil supoñer que dende Mosteiro existiran rutas terrestres que conducirían a Lámbrica, cunha lonxitude de, aproximadamente, 14 quilómetros, o que permitiría viaxes de tres ou catro horas. Esta hipotética ruta entre Mosteiro e Lámbrica pasaría polas inmediacións do Puzo do Lago ou de Maside e entraría na Cidade de Lámbrica pola porta occidental. 

Como anécdota recordar que, non hai moitos anos, os habitantes das aldeas inmediatas a Lámbrica (San Cibrao das Las, Eiras, Ourantes, Salamonde...) acudían a pé ás feiras do Carballiño transportando os animais obxecto de compra-venda. As viaxes a pé -tamén en cabalaría ou en carro- constituían o único medio de comunicación entre as aldeas, trátase dun medio de comunicación milenario que continuou utilizándose ata a universalización dos vehículos a motor.

Dende o castro de Coto do Mosteiro podemos ollar no horizonte as características siluetas do Monte do Santorcato, ou Santrocado, e da Cidade de San Cibrao das Las, Lámbrica. As maiores dimensións de Lámbrica e a súa superior disposición urbanística, cando é comparada con calquera dos outros castros da Terra do Carballiño, conduce a pensar na súa superioridade, ben fose política, militar ou económica. Ademais, ostenta unha privilexiada situación preto das ribeiras do Miño, comunicándose coa ribeira mediante unha calzada, o que constituiría unha excelente canle para dar saída ás producións mineiras, pero tamén posiblemente agropecuarias e artesanais, que se extraían ou manufacturaban nestas terras. 

O Coto de Mosteiro tivo que ser, por forza, un deses obradoiros que enviaría as súas producións a Lámbrica, a citania que, á súa vez, as redistribuía, seguramente a destinatarios máis alonxados por vía fluvial. 

Por iso Lámbrica (San Cibrao das Las e Ourantes), que controlaba un medio de comunicación terrestre entre a ribeira do río Miño e as zonas mineiras de Loureiro, a Madanela e o Lago, é o maior castro de todos os que temos nas Terras do Carballiño.



Os pobos prerromanos

Que pobos habitaban estas contornas da Madanela? Non hai, polo momento, datos para afirmar nada. Aínda así, e sabendo do risco que elo implica, quero propoñer unha hipótese. Ptolomeo (Xeografía, II, 6, 26) menciona o pobo dos baeduos, citando a súa capital, Flavia Lambris. BRAÑAS ABAD, GONZÁLEZ GARCÍA e PARCERO OUBIÑA no apéndice de Los pueblos de la Galicia céltica sitúan o pobo dos baeduos no Convento Lucense, afirmando que COLMENERO, "basándose en la ausencia de referencias a las poblaciones prerromanas que ocupaban el área actual de las tierras de Chantada, Barrela y Lalín, cree probable ubicarlos en estas comarcas, en la zona colindante entre el sector meridional de la provincia de Lugo y en el sector septentrional de la provincia de Pontevedra", no interior de Galicia.

Se miramos no mapa que os autores citados poñen na páxina 544 observaremos como, se seguimos o curso descendente do río Miño, existe un gran vacío de pobos entre os lemavos (que ocuparían o actual Val de Lemos) e os grovios, que habitarían nas zonas entre a actual Tui e a ría de Vigo. Non se entende que tan amplo territorio estivese baleiro de pobos. Pois ben, de momento non hai nada que contradiga que os baeduos ocuparan estas terras do Miño central, entre os conventos lucense e bracarense.

Non parece difícil identificar Flavia Lambris con Lámbrica, aínda que hai que superar primeiro os problemas das ubicacións tradicionais de Lámbrica coa área de Betanzos, aínda que nada impide que alí houbese outra Lámbrica. Non parece posible que a de Betanzos sexa a Lámbrica citada na ara de Eiras, ao lado da citania de San Cibrao das Las

Non deixa de ser unha hipótese. Pero aínda hai máis... Aos pés dos montes da Madanela, a pouco máis dun quilómetro pero dentro da mesma parroquia de Lobás, temos unha aldea cun curioso e pouco común topónimo, Boedes, moi cerca das minas de Larouce e das Grobas e do castro de Corneda, e a tres ou catro horas de camiño á citania de Lámbrica. E non sería por aquí a terra dos Baeduos?


Saunas castrexas?

A escasos douscentos metros do castro está a aldea de Mosteiro, onde vemos o que foi unha casa abacial -mosteiro- en estado de conservación lamentable. Xusto ao lado está a igrexa de San Pedro de Mosteiro, unha construción de orixe medieval e reformada nos séculos XV ou XVI, época da que deben ser os restos de pinturas murais que aínda se poden ver no seu interior.

Igrexa, mosteiro e castro forman un fermoso conxunto nesa aldea carballiñesa da parroquia de Lobás, á beira do monte da Madanela, conxunto arqueolóxico, histórico e artístico que espera, dende hai moitísimo tempo, unha ben merecida posta en valor.

A igrexa de Mosteiro non é a parroquial. Ten a particularidade de ser un edificio relixioso case intacto que pode esconder moitos segredos no seu interior. Os veciños falan dunhas portas con arco, moi baixas, que hai nas paredes laterais da ábsida, das que din que baixaban escaleiras e que comunicaban cun túnel que recorre lonxitudinalmente o templo cara a casa abacial. Estas portas, de pequeno tamaño e con arcos de pedra, están tapiadas e ninguén na aldea recorda que se poidese acceder por elas.

Chama moito a atención no centro do templo, entre a ábsida e a nave, xusto diante do arco triunfal, unha grande superficie de humidade que non procede do teito. Todo fai supor que no seu subsolo hai algún tipo de manancial de auga. O manancial, as portas e o "túnel" recordan moito á igrexa da Asunción en Augas Santas, inconclusa, pero erguida sobre unha sauna castrexa próxima ao castro de Armeá (Allariz).

Na aldea de Mosteiro de Lobás existe tamén un castro (castro de Mosteiro), unha igrexa, moita humidade ben localizada, xusto no centro do pavimento da igrexa, e unhas enigmáticas portas que conducen a un lendario túnel subterráneo... 

                                                                                                                                                                           (Fonte: blogoteca.com/lambrica) 



Fotogalería do castro de Mosteiro de Lobás

Fotogalería da igrexa de Mosteiro de Lobás


Bibliografía

GONZÁLEZ GARCÍA, F. J. (Coord.): Los pueblos de la Galicia céltica. Ed. Akal. Madrid, 2007. 

HERVELLA VÁZQUEZ, J.: Irixo, natureza, historia e arte nun municipio da Galicia interior. Concello do  Irixo. Ourense, 1999.

ORERO GRANDAL, L.: Castro Coto do Mosteiro. Campañas 1984/85. Arqueoloxía/Memorias 10. Consellería de Cultura e Deportes. Xunta de Galicia. A Coruña, 1988.

RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidad de Deusto. Bilbao, 1977.


© F. González Iglesias. Febreiro de 2019 - maio de 2020. Todos os dereitos reservados
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar